CRECENTE EN LETRA 1

Xa está aquí a última creación do Equipo de Dinamización da Lingua Galega: un xornal escolar no que vos iremos contando as novidades e acontecementos do cole.
O ano pasado xa experimentamos con formatos audiovisuais; e este curso tentaremos facer o mesmo, pero empregando outro dos medios de comunicación de masas máis consumidos nos últimos séculos, o xornal.

Mes a mes, se é posible, achegarémosvos un novo número de Crecente en Letra, ao que poderedes acceder e descargar facendo click no enlace. Ademais, imprimiremos unha serie de exemplares que quedarán no cole (Biblioteca, "Recuncho de Saltón", sala de mestres...) á disposición de toda a comunidade escolar

Agardamos que vos guste esta iniciativa, e esperamos poder contar con máis voluntarios; e poder ofrecer, así, máis contidos no próximo número.





BENVIDOS AO CURSO 2014-2015

Xa estamos de volta, un ano máis, co blogue de Os Ollos do Minho; e xa van uns cantos.
Ao longo de todo este tempo, pasaron polo cole moitos rapaces e rapazas que deixaron o seu selo persoal nos moitos proxectos, vídeos, fotos, etc; que conforman o blogue dunha escola con moitas gañas de darse a coñecer, de mostrar do que somos capaces de facer, aínda que o resultado sexa, en moitas ocasións, humilde. Pero o equipo que formamos no pasado, presente e futuro de "Os Ollos do Minho", sabemos ben que o importante é o camiño que recorremos para chegar a obter eses resultados; as horas de convivencia e traballo en equipo; o esforzo e adicación que poñemos en cada cousa que se fai. Ese é o segredo que fai funcionar este proxecto.

Gustaríanos adicar estes vídeos e fotografías que o Equipo de Biblioteca realizou o ano pasado, e que mostran parte do gran traballo que levaron a cabo; a todas as persoas, profes, pais, nais, alumnos e alumnas de agora e sempre; que participastes, directa ou indirectamente, en "A Ondas do Minho".

Gracias!!!